En tempos onde a folktronica chegou a un público masivo, hai que sinalar a Sheila Patricia como unha pioneira deste xénero. O seu canto tradicional demostra a riqueza do son galego que mestura con diversas formas de música electrónica, desde sofisticadas bases minimalistas ata explosións polirítmicas ultramodernas de son.
A música de Sheila Patricia desenvolveu unha perspectiva única que toma elementos do fado, o jazz ou a música folk arxentina. O seu proxecto é unha investigación continua das diferentes linguas do folk. Sheila acode co formato que a proxectou en 2022 cara aos escenarios internacionais: sintetizadores, electrónica sumada á percusión tradicional mais percusións de diferentes lugares do mundo. A danza cobra tamén protagonismo de mans da artista e dos bailadores Paula e Diego creando unha atmosfera que bebe da tradición e navega sobre a fusión e a mestizaxe.