Oleiros, 10 de marzo de 2021-. Najla Shami Trío ofrece un concerto este domingo no Auditorio da Fábrica ás 19:30 horas. As entradas poñeranse á venda a partir das 18:30 horas, a 3,50 euros.
Najla Shami é unha vocalista e compositora de Santiago de Compostela, filla de dúas culturas: palestina e galega. Interesada pola música desde nena, forma parte de coros polifónicos e grupos de música tradicional galega cando crea os seus primeiros temas. Aos 17 comeza a tocar a guitarra e as súas composicións vólvense máis persoais, a súa voz vese influenciada por jazz, rock ou world music. En 2016, guiada pola súa crecente curiosidade e a necesidade de aprender máis sobre as súas raíces, trasládase temporalmente a Xordania para indagar no canto árabe e a teoría da música oriental. O seu último traballo, que presentará o domingo na Fábrica, nace desta estancia amosando a mestura de culturas que a caracterizan cun son propio e único de carácter internacional.
Ante a situación sanitaria, e seguindo as directrices das autoridades, a capacidade da sala estará limitada. Será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender as indicacións e normas da organización.