A partir das 19.00 h comezará a mostra de olería en vivo a cargo do recoñecido Alberto Añón, e ás 20.00 h terá lugar o concerto de ANAUT; banda recoñecida polo seu son soul, rock e rhythm & blues, cunha marcada influencia da música afroamericana. Os seus directos caracterízanse pola forza vocal e a intensidade instrumental.
As Tardes do Alfar consolidan nesta nova edición a súa identidade como unha experiencia única, ofrecendo un plan cultural de calidade, ao aire libre e de balde para todas as familias. O Concello de Oleiros convida á veciñanza a gozar desta cita co talento e coa cultura local todos os xoves do mes de xullo, nun espazo aberto e de lecer como son As Torres de Santa Cruz.