Oleiros, 23 de febreiro de 2017-. En relación á sentenza do Tribunal Supremo feita pública no día de onte, o Concello de Oleiros desexa comunicar o seguinte:
- O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, toma coñecemento da sentenza na que se lle condena a indemnizar a unha xuíza por vulneración do dereito ao honor.
- O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, ratifícase na súa afirmación de que a xuíza en cuestión, na súa calidade de propietaria dunha finca, foi responsable dunha infracción urbanística que se mantivo durante o tempo en que durou a instrución da causa contra Ángel García Seoane. O feito de que o expediente non chegase á fase de resolución debeuse exclusivamente á posterior emenda da citada infracción.
- O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, invita e anima ás forzas políticas, especialmente ás que teñen presenza nas Cortes Xerais, a promover unha iniciativa lexislativa que rompería as perniciosas e tan humanas inercias corporativas: someter a xuízo de xurado as causas nas que estea implicado un xuíz. Con iso sairía gañando o principio de confianza que non se basea na obediencia, senón no respecto e na responsabilidade.