Hemeroteca

Asset Publisher

Back Comezan as actividades do programa Ler para saber na Biblioteca Central Rialeda

Oleiros, 25 de xaneiro de 2012-. O Concello de Oleiros, a través da rede municipal de bibliotecas, pon en marcha unha nova edición do programa Ler para saber, que debido ao éxito da pasada edición este ano conta con actividades desde xaneiro ata maio. En total serán once charlas e obradoiros sobre temas científicos dirixidas a nenas e nenos (a partir de 10 anos de idade), adolescentes e público en xeral, que terán lugar na Biblioteca Central Rialeda, sita en Perillo, os venres ás 18.30 horas.

 Os obxectivos que se pretenden conseguir son fundamentalmente achegar a ciencia a todas as persoas, ampliar os coñecementos sobre temas científicos de importancia na vida diaria, fomentar o coñecemento específico dunha materia determinada e dinamizar os fondos bibliográficos que tratan estes temas. Así mesmo, preténdese atraer a biblioteca a un público interesado pola ciencia e, en definitiva,  fomentar  a lectura e a consulta de libros que traten estas temáticas. Os técnicos programaron charlas ou obradoiros sobre aspectos moi diferentes para atraer a un público de gustos diversos e variados: paleontoloxía e fósiles, arqueoloxía de castelos, enerxías renovables, petróglifos, química, matemáticas, bioloxía, neurofisioloxía, a auga, a mente humana, etc

Este venres, 27 de xaneiro, ás 18.30 horas, comezarase con A vida nos mares do pasado: obradoiro de paleontoloxía para nenos/as, a cargo do doutor Roberto Bao Casal, profesor titular da Universidade da Coruña, Departamento de Ciencias da Navegación e da Terra, área de Paleontoloxía. Primeiramente Iria Vázquez Pillado e Daniel Sánchez Mosquera, alumnos do Instituto Neira Vilas, realizarán unha breve presentación sobre Os persas  e a continuación xa se desenvolverá o obradoiro de paleontoloxía co profesor Roberto Bao Casal. Ao mesmo tempo, a Biblioteca Rialeda realizará unha exposición de fondos bibliográficos sobre fósiles e paleontoloxía, e entregará a todos os asistentes un folleto cunha selección de  libros, DVD e páxinas web recomendadas sobre esta temática.

 



As outras charlas e obradoiros que se irán realizando ao longo dos venres son:

 

3 de febreiro

“Repúblicas de Homes Libres: na procura dos viquingos en Galicia”

Dr. Manuel Gago Mariño, profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Ciencias da Comunicación. Director de culturagalega.org, portal de divulgación do Consello da Cultura Galega.

 

 

10 de febreiro


"Enerxías renovables para o século XXI"
Dr. Óscar Cabeza Gras, profesor titular da Universidade da Coruña,  Departamento de Física, área de Física Aplicada. 

 

2 de marzo

“Petróglifos de Pena Furada”
Antón Fernández Malde, arqueólogo, director da equipa de investigación do Castro das Travesas.

 
9 de marzo

"Queres xogar con sólidos, líquidos e gases? Evapórate!"

Dra. Socorro Castro García, profesora titular da Universidade da Coruña,  Departamento de Química Fundamental, área de Química Inorgánica.


16 de marzo

"A sorprendente utilidade das matemáticas"
Dr. José Manuel Rodríguez Seijo, profesor titular da Universidade da Coruña, Departamento de Métodos Matemáticos e de Representación, área de Matemática Aplicada.

 

23 de marzo

 “O xardín de Mendel”
Dr. Andrés Martínez Lage, profesor titular da Universidade da Coruña,  Vicedecano de Bioloxía, Departamento de Bioloxía Celular e Molecular, área de Xenética.

 

13 de abril

"Que noxo de ciencia!"
Francisco Doménech Casteleiro,  químico, responsable da páxina web dos Museos Científicos Coruñeses (=mc2).

20 de abril

“A auga é para mollarse”

Francisco Armesto Ramón, biólogo, director técnico de proxectos dos Museos Científicos Coruñeses (=mc2).

 

27 de abril

“Unha viaxe á máquina da mente”

Dr. Xurxo Mariño Alfonso, profesor contratado da Universidade da Coruña,  Departamento de Medicina. Investigador en Neurofisioloxía (Grupo Neurocom), divulgador e membro do Consello da Cultura Galega.

4 de maio

“Socorro! A Química rodéame! ”

Dr. Moisés Canle López, profesor titular da Universidade da Coruña,  Vicedecano de Química,  Departamento de Química Física e Enxeñaría Química, área de Química Física.

 

back link