Hemeroteca

Asset Publisher

Back Comeza nos centros de ensino do municipio os programas educativos complementarios do Concello

 Oleiros, 16 de outubro de 2014-. Ao longo destes días do mes de outubro o Servizo Municipal de Educación do Concello de Oleiros comeza a intervir nos centros de ensino do municipio cos programas educativos complementarios Coñecer Oleiros, Contorna Oleiros e Un Día en Galicia.

 
Durante toda unha xornada lectiva as aulas estarán fóra dos colexios e dos institutos para que os alumnos e alumnas participantes poidan descubrir a riqueza que a súa contorna lles ofrece, e calibrar os problemas que as ameazan para actuar mellor en consecuencia. Neste primeiro mes de outono, tanto os pequerrechiños de educación infantil do colexio R.M. Valle Inclán, como os mozos e mozas do IES  Neira Vilas investigan por diferentes hábitats de Oleiros: a Aula do Mar en Mera, a riqueza da maltratada Ría do Burgo, os soutos de Bastiagueiro, os cantís de Dexo...
 
Desde xa e ata finais de xuño, case 1.500 escolares de infantil, primaria e secundaria acompañados polos seus profesores e guiados polos educadores municipais, participarán nos programas que a Concellería de Ensino e Xuventude pon de forma totalmente gratuíta a disposición dos centros para traballar grandes temas transversais, educación ambiental, educación para a saúde, a lingua, a cultura..., dunha forma tranquila, divertida e onde a experimentación e a afectividade serán clave para coñecer..., para saber.
back link