Oleiros, 16 de xuño de 2014-. O Concello de Oleiros inaugurou oficialmente onte a tempada de verán coa entrada en funcionamento do Servizo de Salvamento e Socorrismo nos areais do municipio. Desde onte e ata o vindeiro 15 de setembro un equipo formado por máis de 40 profesionais velará pola seguridade nas praias e na franxa costeira. Esta tempada o equipo conta con catro auxiliares sanitarios e seis de policía que asistirán e completan a atención nestas concorridas áreas.
A concelleira de Interior e Seguridade Cidadá, María José Varela, asegurou esta mañá que a entrada en funcionamento deste servizo se levou a cabo con normalidade a pesar da masiva afluencia que rexistraron as praias oleirenses na soleada xornada de onte. Así mesmo, a responsable de Interior solicitoulle aos visitantes que veñan a gozar das praias e as zonas verdes anexas durante o período estival e que respecten as normas e cumpran as ordenanzas a prol do respecto e a convivencia. Varela fixo especial fincapé na regulación das zonas de aparcamento, o consumo de auga, a ordenanza de animais de compañía e o depósito de lixo.