Hemeroteca

Asset Publisher

Back Comeza a construción de 94 pisos protexidos promovidos polo Concello en Xaz

 A creación de 146 pisos de protección promovidos polo Concello continúa avanzando co inicio das obras da cooperativa de Xaz, en Dorneda. As 3 promocións en marcha parten da iniciativa do Goberno municipal de vender solo propiedade do Concello –adquirido gratuitamente a través da xestión urbanística- a prezos inferiores aos de mercado, para poder abaratar o custo dos pisos a través de vivendas protexidas.
 

O alcalde, Ángel García Seoane, destacou que “na democracia, lamentablemente, non houbo moita promoción de vivenda en España, pero aquí en Oleiros si”. O Concello de Oleiros leva promovidas 1.171 vivendas de prezo público.

Tal e como destacou, isto é posible “grazas a unha política seria. Porque se nós non tiveramos plan de urbanismo, este solo non era do Concello”. A totalidade dos terreos da urbanización de Xaz era de propiedade privada, pero grazas á xestión urbanística do Goberno municipal, o Concello pasou a ser propietario de 300.000 metros de solo, entre os que se atopan os terreos desta promoción de vivendas protexidas, así como outros parcelas destinadas para futuros equipamentos municipais, zonas verdes, o Bosque de Xaz, o Castro de Xaz... Tamén se impuxo a construción de dous novos depósitos de auga, ampliouse a depuradora de Xubín, houbo importantes ingresos económicos procedentes da venda do solo que lle correspondía ao Concello no campo de golf, etc... No acto de inicio das obras participou tamén Javier Castro, da empresa Gestohogar encargada de formar as cooperativas: “esta é a política que está desenvolvendo o concello, cunhas competencias moi reducidas en materia de vivenda, pero que está sendo sumamente efectiva. Estamos aquí ante un solo que non lle custou nin un euro á administración, non tivo que gastar recursos públicos para crear vivienda social”, manifestou.


PREZOS DAS VIVENDAS

Xusto en fronte da promoción municipal, tamén están a construírse pisos que se venden no mercado libre por 400.000 euros; de calidades similares e sen piscina comunitaria, como si teñen os de protección. Os pisos do Concello teñen un custo medio de 205.000 euros máis IVE (recibiron unha subvención autonómica de 10.000 € por vivenda), importe estipulado polos parámetros da Xunta de Galicia que varía á baixa ou a alza en función dos metros cadrados da vivenda.

34 PISOS PROTEXIDOS MÁIS

Están á venda mediante poxa pública 3 novas parcelas para pisos de protexidos: dúas na praza da Rabadeira e unha en Mera, na rúa Eduardo Galeano. Unha vez adxudicadas e, realizados todos os trámites necesarios, abrirase un proceso de inscrición para que todos aqueles veciños e veciñas interesados poidan optar á compra dun piso. Con suficiente antelación informarase debidamente a través de todos os medios de comunicación do Concello. Con esta iniciativa crearanse 34 pisos protexidos, 19 en Oleiros e 15 en Mera.
 

back link