Oleiros, 25 de septiembre de 2019-. A compañía Lohengrín presenta o venres ás 20:30 horas no Auditorio da Fábrica o seu espectáculo Coa mirada nas súas mans. Lara Álvarez Álvarez, Noa Iriarte Alonso, Alex Álvarez Díaz e Sofía Rodal Alén forman o elenco desta obra, escrita e dirixida por Pablo Iriarte.
Coa mirada nas súas mans, conta a historia de rapazas cos seus temores e as súas dúbidas ao comezo da súa relación. Todo iso realizado para que tanto o público cego ou vidente poida aprecialo doutro xeito. Sentindo a historia a moi poucos metros das actrices, incluíndo en directo o sistema AUDES. Ademais, o público que o queira ver de forma tradicional tamén o desfrutará igualmente. O espectáculo consta de dúas partes; unha primeira é a historia en si e unha segunda na que o público máis próximo terá a oportunidade de comentar coa propia compañía as súas dúbidas e experiencias.
Entrada libre con invitación. As invitacións poderán recollerse a partir das 19.30 horas, ata completar a capacidade da sala. A obra está recomendada para maiores de 16 anos.