Oleiros, 31 de xaneiro de 2019-. O grupo Café Brasil Trío será o encargado de abrir o VI Ciclo de Música Voces Cálidas para noites de Inverno cun concerto no centro cultural A Fábrica, en Perillo, o sábado ás 20:30 horas. As entradas estarán á venda desde unha hora antes do inicio do espectáculo a un prezo de 2,50 euros.
Esta formación está consolidada por tres músicos de extensa carreira musical e gran diversidade en canto a xéneros musicais e riqueza cultural. As súas inquedanzas musicais lévanos a formar este trío, interesante e atractivo no que destaca tanto a voz como a sutileza do acompañamento rítmico, ambientando con elegancia e calidez os seus eventos e noites, onde se interpretan cun estilo brasileiro os clásicos máis populares da bossanova, samba, boleros, baladas e algúns estándares de jazz.
O contrabaixo de Alfonso Calvo, o piano de Cristian Leggiero e a voz de Narci Rodríguez conforman este grupo que conta cun repertorio composto do máis clásico da música popular brasileira e do Jazz.