A partir do 2027, as VPO de Oleiros terán unha bonificación do 50 % no IBI durante 10 anos adicionais aos tres anos xa previstos pola normativa estatal. Tamén se suprimirán as taxas para a construción deste tipo de vivendas que pasará a ter unha cota de 0 euros.
Á marxe das cuestións relacionadas coa vivenda, tamén se amplían prazos para solicitar diversas bonificacións fiscais e se incorporan novos supostos para a devolución de taxas, impostos e cotas de actividades municipais, que ata o de agora non estaban contemplados.
En canto ás familias en situación de especial vulnerabilidade económica, realízanse tamén importantes modificacións para a xestión das débedas municipais. A nova regulación incorpora novas modalidades e flexibilización para os aprazamentos de débedas e fraccionamentos de forma xeral, introducindo mecanismos específicos para as familias en graves dificultades económicas.
A fiscalidade municipal, ademais de ser unha ferramenta imprescindible para financiar os distintos servizos públicos que se prestan á cidadanía, ten que servir tamén para favorecer aquelas cuestións que o Goberno municipal considera socialmente prioritarias. Aínda que a incidencia real destas medidas é limitada dentro do actual mercado libre, o Concello de Oleiros continúa a apostar por utilizar os recursos e as competencias municipais das que dispón para fomentar a vivenda protexida e facilitar o acceso á vivenda.