Hemeroteca

Asset Publisher

Back As Torres de Santa Cruz acolle o venres o VII Encontro de Persoas Coidadoras

Oleiros, 14 de xuño de 2016-. Máis de 70 persoas coidadoras de Oleiros, A Coruña e Chantada celebrarán o seu VII Encontro nas Torres de Santa Cruz o vindeiro venres. O obxectivo destes encontros é que os grupos de persoas coidadoras teñan a oportunidade de desconectar xuntos e dar a coñecer a profesionais e estudantes do ámbito dos servizos sociais e a saúde a súa experiencia, como conviven e levan de maneira máis saudable esta aventura do coidado.

Os grupos que participan no encontro procuran principalmente construír unha nova forma de acompañar o coidador. Proporcionar novos xeitos de relación entre as persoas coidadoras e as persoas dependentes, buscar a mellora da calidade de vida e mostrar xeitos de superar os retos que supoñen a atención diaria aos seus familiares son os fins cos que se desenvolven os grupos “Mellorando” de Chantada, “Música e Saúde” e “Teatro e Saúde” de AFACO Coruña  e o anfitrión, os grupos de “Coidando emocións” e “Descubrindo emocións” dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Oleiros.

O Concello de Oleiros vén traballando co colectivo das persoas coidadoras desde hai preto de dez anos, entendendo que a mellor forma de atender as persoas dependentes é apoiar as persoas que coidan delas, non só con servizos, senón no plano emocional, proporcionando espazos nos que poidan compartir as emocións e atopar o apoio psicolóxico necesario para a dura tarefa de coidar.

Este xa VII Encontro segue co desexo de que as persoas coidadoras se reúnan para compartir experiencias e gozar xuntos. A importancia do medio ambiente, a música, a expresión emocional son elementos de grande relevancia sobre os que xirará o programa do encontro, co obxectivo que os asistentes poidan gozar dun día distinto, nun ambiente diferente e seguir compartindo os sentimentos e emocións que acotío xorden na atención aos seus familiares.

Destaca o papel protagonista que teñen as persoas que forman parte destes grupos no evento, en todo o proceso de elaboración e deseño dos seus contidos, do material que se entrega aos participantes..., un traballo creativo e ilusionante no que todos os grupos levan meses traballando.


PROGRAMA

VII ENCONTRO DE PERSOAS COIDADORAS

COIDANDO SEMENTES
“Un agasallo da vida”


10:30 Recepción das persoas participantes

11:00 Inauguración a cargo do concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Oleiros

11:30 Actuación da coral de Santa Cruz

12:00- Intervención dos grupos
 
• Benvida   “Descubrindo emocións”, Concello de  Oleiros 

• “A fortaleza que hai dentro da debilidade”   “Mellorando”, Chantada

• “Música e ritmo” Música e saúde, AFACO Coruña

• “Un bo partido” Teatro e Saúde,  AFACO Coruña

Espazo  de lectura  “ O home que plantaba árbores”

14:00 – Xantar no xardín das Torres 

16:30 – 18:00 Actividades lúdicas (a escoller)

• Obradoiro participativo de cerámica no alfar das Torres

• Paseo polo entorno do Castelo de Santa Cruz, guiado polo grupo “Coidando emocións” Concello de Oleiros

18:00-18:30   Despedida

back link