Oleiros, 14 de outubro de 2014-. O Teatro municipal As Torres, de Santa Cruz, acolle o próximo xoves día 16 ás 20.00 horas a proxección da película Antonia´s Line. A proxección inclúese dentro do I Ciclo de Cine organizado polo Ceesg (Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia) e en concreto polo seu grupo de traballo en Igualdade Fiadeiras.
O pase do filme complétase coa realización dun cine forum coa intención de intercambiar pensamentos e opinións sobre os diversos temas que imos ver reflectidos nas distintas personaxes. Coa proxección de Antonia, aproximarémonos ao tema do sexo e a sexualidade na terceira idade, aos desexos e ás preocupacións que comparten, reavivando os sentimentos máis profundos sen mirar a data de nacemento no documento nacional de identidade. Ou como unha muller establece unha comunidade matriarcal onde saen á luz temas como a tolerancia, a violencia sexual, a amizade, o amor, a intimidade, o lesbianismo, a relixión, a morte e o seu particular comportamento independente.