Oleiros, 09 de marzo de 2016-. As persoas interesadas en participar no XXVII Tríatlon do Concello de Oleiros teñen ata o domingo 20 de marzo para preinscribirse na competición. Para cubrir o formulario deberán acceder á web municipal e achegar os datos que se solicitan.
Esta carreira está programada para o vindeiro sábado día 30 de abril, ás 16:00 horas, e como nos anos anteriores terá lugar na localidade de Mera. Nesta proba poden participar todos os deportistas federados na Federación Galega de Tríatlon e aquelas persoas que fagan licenza dun día (achegando copia do DNI). Para todas as categorías a distancia será de 750 m de natación, 21 km de bicicleta e 5,5 km de carreira a pé.
O 21 de marzo, a partir das 12:00 horas, publicarase a listaxe de persoas preinscritas na web municipal. O día seguinte, ás 12:00 horas, farase un sorteo público na Fábrica, no caso de haber máis solicitantes que prazas (resolverase por sorteo de letra), e o 23 de marzo publicarase a listaxe provisional na web municipal.
O prazo de pagamento irá do 1 ao 7 de abril. As 200 persoas agraciadas no sorteo recibirán un correo electrónico cos pasos a seguir. As persoas non federadas, para facer a licenza dun día, deberán achegar ademais a copia do DNI. O custo orientativo da inscrición para todos os participantes é de 15 euros. Agás por causa imputable á Administración, non se fará a devolución do prezo público.