Oleiros, 13 de setembro de 2011-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou esta mañá que o curso académico da Escola Municipal de Danza e da Escola Municipal de Música comezará ao longo da primeira semana de outubro. O rexedor sinalou ademais que o cambio da empresa xestora na escola de danza non suporá en absoluto unha diminución da calidade docente que van percibir os alumnos e as alumnas deste centro, posto que o profesorado vai ser exactamente o mesmo que ata o de agora veu desempeñando as súas funcións de forma satisfactoria.
Ademais, tanto a Escola Municipal de Danza como a Escola Municipal de Música incrementan a súa oferta de prazas para este curso. Este importante aumento de matrículas foi posible grazas á entrada en funcionamento da nova sede da Escola Municipal de Danza, que comezou a súa actividade o pasado mes de abril. A nova infraestrutura permite albergar un maior número de alumnos e alumnas, o que supón un novo logro na mellora do nivel educativo, artístico e cultural do municipio, xa que se trata da primeira escola integral de danza que existe na comunidade autónoma.
Pola súa banda, a Escola Municipal de Música vese beneficiada co traslado da actividade de danza, xa que o espazo liberado polos bailaríns e bailarinas no centro cultural A Fábrica será dedicado á actividade docente dos músicos. Así mesmo, o Concello está a habilitar locais de ensaio neste edificio, o que permitirá continuar co seu desenvolvemento artístico a músicos novos do noso municipio.