Oleiros, 28 de xaneiro de 2020-. As asociacións de veciños e outras entidades sociais e deportivas de Maianca, Serantes e Dexo dirixíronse por escrito á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Industria e ás compañías de telecomunicacións para solicitar o despregamento de fibra óptica nestas localidades. A conexión a internet é un servizo básico e necesario para toda a cidadanía.
As 13 entidades asinantes dos documentos solicitan ás administracións con competencias, Xunta e Estado, que inclúan todas as zonas urbanas como prioritarias nos programas de subvencións que se convoquen dirixidos a empresas de telecomunicacións para despregamentos da rede de banda ancha. Tamén reclaman nos seus escritos que as compañías estendan as conexións o antes posible ante a elevada demanda que existe deste servizo.
Desde o Concello tamén está a demandarse constantemente ás administracións autonómicas e estatais, así como ás compañías, a instalación de fibra óptica en todas as zonas urbanas de Oleiros. Froito das xestións realizadas polo Goberno municipal coa Xunta de Galicia, co Ministerio de Industria e coas empresas, están previstos diferentes despregamentos nos vindeiros anos que, nalgunhas zonas, xa darán comezo proximamente.