Oleiros, 3 de novembro de 2015-. Esta mañá iniciáronse os traballos de desmantelamento da vella pasarela do INEF. O Goberno municipal levaba reclamando desde hai anos a retirada desta plataforma que se atopa sobre a avenida Ernesto Che Guevara e que leva meses pechada aos peóns polo seu mal estado e a súa perigosidade.
A responsabilidade sobre esta pasarela era da Xunta de Galicia, que foi a administración que concedeu a autorización para a súa construción. Ante a inoperancia do organismo autonómico, o Goberno municipal demandou de xeito reiterado a eliminación desta plataforma. “Temos que felicitarnos pola retirada da pasarela. Atópase nunha avenida emblemática do noso Concello e agora vai lucir moito máis fermosa”, explicou a primeira tenente de alcalde María José Varela.