A Xunta de Galicia premiou a Oleiros na categoría de concellos de máis de 10.000 habitantes polo proxecto “Ler para saber: a ciencia” que se desenvolve na Biblioteca Rialeda. Este é un proxecto organizado polo Concello xunto co CEIP Valle Inclán, que coordina todas as actividades a través da profesora Fina Mosquera.
O programa consiste en charlas e obradoiros de divulgación científica dirixidos a todos os públicos maiores de 10 anos. Os distintos poñentes fan uns relatos de forma sinxela e comprensible para que as persoas asistentes poidan asimilar os conceptos e ideas básicas sobre a temática tratada, aprendendo diversos coñecementos e conceptos importantes.
Ademais da colaboración dos poñentes, que participan nesta actividade de forma altruísta e gratuíta, é imprescindible a implicación do profesorado, alumnado e pais e nais de alumnos do CEIP Valle Inclán, así como profesorado da Universidade da Coruña e de educación secundaria de diversos institutos, diversos profesionais e expertos como enxeñeiros, científicos de misións planetarias, médicos, arquitectos, nutricionistas, veterinarios, informáticos, biólogos, membros de diversas asociacións como Greenpeace, Asociación Micolóxica Coruñesa, técnicos dos Museos Científicos Coruñeses...