Oleiros, 1 de outubro de 2014-. O Concello de Oleiros, a través da Rede municipal de bibliotecas organiza para esta semana unha interesante e completa oferta de actividades infantís que forma parte dos programas A hora do conto e Ler conta moito. A programación comezará hoxe 1 de outubro ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, onde se levará a cabo o contacontos titulado “Palma repalma” a cargo da compañía Pavís Pavós, dirixido a nenas e nenos de 1 a 4 anos. Trátase dun divertido contacontos nos que os máis pequenos poderán gozar coa fantasía e a imaxinación. Debido a que as prazas son limitadas, é imprescindible inscribirse nesta biblioteca ou chamar ao teléfono 981 626 338.
Hemeroteca
Asset Publisher
Mañá 2 de outubro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, realizarase a actividade denominada “Maxia versus ciencia” a cargo da Compañía A Illa d@s nen@s. Nesta actividade, os nenos e as nenas maiores de 7 anos poderán participar nun proxecto no que gozarán da maxia ao tempo que realizan experimentos científicos, mesturando o coñecemento coa ilusión. Unha científica reta a un mago con experimentos sobre: cores, astronomía, matemáticas, etc. que o mago irá complementando cos seus xogos de maxia.
O venres 3 de outubro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal Ánxel Fole de Nós, levarase a cabo a actividade de narración oral titulada “A orixe” a cargo da actriz Raquel Queizás, dirixida a nenas e nenos de 4 a 10 anos. Unha «exploradora» chega á biblioteca para compartir as narracións escoitadas nas súas expedicións polo mundo. Ante os nenos e as nenas dramatizará as lendas e os contos coa axuda de pequenos tesouros recollidos nas súas viaxes. Se desexas compartir as narracións escoitadas en distintas partes do mundo asiste a este contacontos. Por último, tamén o venres ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal María José Trincado de Mera, se levará a cabo a actividade denominada “Maxia cómica” a cargo da compañía Leo Leiño, un espectáculo no que contan unha historia que une os libros coa maxia.