Oleiros, 2 de xuño de 2017-. O Concello de Oleiros organiza o domingo 4 de xuño unha nova edición da Foliada Tradicional que pretende ser un punto de encontro das diferentes agrupacións folclóricas existentes no concello. O obxectivo principal é fomentar o espírito de convivencia e compartir experiencias, inquedanzas e novos proxectos nunha xornada de festa nun ambiente distendido.
A festa comezará ás 13:00 horas con numerosas actividades dirixidas a toda a familia: xogos tradicionais de precisión e habilidade para todas as idades elaborados artesanalmente con material de refugallo, obradoiros de cestería, de artes plásticas... Pola tarde, todas as persoas que o desexen poderán unirse libremente a bailar e a cantar cos grupos ata a queimada popular, que porá fin á troula.