Oleiros, 7 de setembro de 2017-. O vindeiro luns abre o prazo para solicitar praza en diversas actividades ocupacionais, nas que poden participar as persoas maiores de 16 anos. Existen vacantes en encaixe (en Santa Cruz, Montrove, Mera e Perillo), artesanía téxtil (en Perillo e Santa Cruz), pintura (en Perillo), manualidades (en Iñás), costura (en Lorbé) e acuarela (en Perillo).
As inscricións poden realizarse a través da sede electrónica da web municipal, no apartado de trámites en liña dentro da carpeta de “Cidadáns/Empresas” ou nas oficinas do Departamento de Servizos Sociais. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.
Esta parte do curso 2017/2018 abarcará desde outubro ata decembro, nunha primeira fase, e participarán preto de 250 persoas nun total de 16 actividades distribuídas por distintas localidades. Todas estas actividades teñen o obxectivo principal de potenciar as relacións entre os veciños e veciñas en actividades grupais, axudando a facer novas amizades e incrementar as relacións sociais, mentres se realiza unha actividade na que se adquiren habilidades manuais nunha determinada técnica artística.