Oleiros, 2 de novembro de 2018-. O mesmo veciño que xa atacou en anteriores ocasións as árbores que se atopan nas inmediacións da praza afundida, volveu danar dous metrosideros. Desta vez actuou cunha machada sobre a parte inferior do tronco das árbores, que serán tratadas para intentar que non sequen.
Este individuo leva realizando este tipo de actos delitivos contra o patrimonio público desde hai máis dunha década. Trátase dun veciño de Santa Cristina, residente na avenida das Américas, ao que o Concello xa lle colocou a árbore de ferro nas inmediacións da súa vivenda para denunciar estas actuacións.
“Xa lle abrimos un expediente na anterior ocasión por este mesmo motivo. Nesa ocasión viuno un veciño, pero imos ter que acabar enviándoo ao xulgado. É gravísimo porque leva máis de 10 anos atentando contra as árbores desta zona”, comentou o alcalde.