Hemeroteca

Asset Publisher

Back Arranca unha nova edición de A hora do conto

Oleiros, 27 de xaneiro de 2014-. Ao longo dos próximos días comezará unha nova edición do popular programa A hora do conto. Esta iniciativa prevé un total de 58 sesión de contacontos que se levarán a cabo en todas as bibliotecas municipais ata o próximo mes de maio.

 

Todas as sesións celebraranse ás 18.30 horas. Na Biblioteca Central Rialeda de Perillo e na Biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé serán os xoves; na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz os mércores; na Biblioteca María José Ruso de Dorneda levaranse a cabo os luns. Pola súa parte, na Biblioteca Federico García Lorca de Montrove e na Biblioteca Manuel María de Oleiros serán os martes, e  na Biblioteca María José Trincado de Mera e na Biblioteca Ánxel Fole de Nós realizaranse os venres de forma alterna.  

 

Esta exitosa iniciativa persegue, a través da dramatización de contos dun modo lúdico, fomentar a imaxinación e  a creatividade. Os obxectivos que se intentan conseguir son que as nenas e nenos participantes se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito, que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura e que vivan o libro en colectividade xunto con outras nenas e nenos.

 

Debido ao éxito que tiveron na temporada anterior, na Biblioteca Rialeda e na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz, as sesións dirixidas exclusivamente aos menores de 4 anos ampliouse esta oferta ás bibliotecas de Dorneda e de Mera. Deste xeito, unha semana as sesións de contacontos serán para nenos e nenas de 1 a 4 anos e a seguinte para maiores de 4 anos e así sucesivamente nas catro bibliotecas. Desta forma as familias con nenos/as destas idades terán unha programación máis ampla e diversificada á que asistir.

 

Todas as sesións dirixidas a nenas e nenos de 1 a 4 anos e moitos dos espectáculos para nenas e nenos de 5 a 10 anos teñen unha capacidade limitada, polo que é imprescindible reservar praza chamando por teléfono á biblioteca á que se desexe asistir. Poden atopar esta información nos folletos e carteis e tamén na páxina web municipal www.oleiros.org ou no blog das bibliotecas municipais http://bibliotecasoleiros.blogspot.com.es/ 

 
back link