Hemeroteca

Asset Publisher

Back Arranca a XXII edición da Feira Alfaroleiros

Oleiros, 03 de agosto de 2016-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, a Directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, inauguraron esta mañá a XXII edición da feira Alfaroleiros que se desenvolverá no parque Luis Seoane de Santa Cruz e finalizará o vindeiro domingo 7 de agosto. Esta mostra, única en todo o territorio español, ofrece o mellor da olería tradicional e unha chea de actividades lúdicas e culturais para todos os públicos que converten a Santa Cruz nun lugar de referencia para miles de visitantes.

Na súa intervención, o alcalde de Oleiros destacou a singularidade e a calidade desta mostra. “Feiras hai moitas, pero Alfaroleiros é unha mostra de moita calidade pola singularidade das pezas que hai aquí e por todo o que ofrece a maiores a feira e o Concello de Oleiros”, dixo.

García Seoane tamén subliñou a importancia da colaboración doutras administracións, que por primeira vez realizan aportacións económicas significativas para o desenvolvemento da mostra. No caso da Deputación da Coruña a subvención concedida é de case 11.000 euros. Igualmente, a Xunta de Galicia tamén aprobará nos vindeiros días unha subvencionará para sufragar unha parte dos gastos de Alfaroleiros.

As pezas estarán expostas de 10:00 a 22:30 horas. Durante ese tempo os oleiros participantes, procedentes de diferentes puntos do Estado, ensinarán e venderán as súas creacións e realizarán diversas demostracións. Pezas artesanais únicas e dunha calidade inigualable.

A intensa programación de actividades paralelas á mostra, comeza hoxe mesmo cun obradoiro de olería para nenos e nenas. Os ceramistas Antón Román e Susana González, da Asociación Galega da Cerámica, impartirán a sesión.

Mañá, haberá unha Ginkana a partir das 19:00 horas onde participará o alumnado do obradoiro infantil de olería de verán. Media hora despois, os máis pequenos tamén poderán gozar cos Xogos do Paporrubio, un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria. Ás 21:00 horas haberá música cun concerto da Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros e ás 22:15 horas proxectarase a película Maléfica.

Na fin de semana continuarán as actividades con espectáculos teatrais, concertos e diferentes actividades para o público infantil:


Venres 5 de agosto

19.30 h Os Xogos do Paporrubio: compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria.

20.30 h Teatro dos Ghazafelhos presenta o seu espectáculo teatral de rúa “As mil e unha noites”, dirixido a un público familiar, a partir de 5 anos.


Sábado 6 de agosto

20.00 h A compañía Circo Chosco presenta o seu espectáculo Forzu2, un espectáculo de malabares, acrobacias aéreas e clown dirixido a un público familiar).


Domingo 7 de agosto

21.00h Peche da Feira co concerto da agrupación Hot Chocolates.

back link