Hemeroteca

Asset Publisher

Back Aprobado o Orzamento Xeral para o 2012

Oleiros, 3 de novembro de 2011.-  O pleno do Concello de Oleiros aprobou onte por maioría absoluta, cos votos a favor de Alternativa dos Veciños, a abstención do PSOE e o BNG e co voto en contra do PP, os orzamentos que rexerán a vida do Concello durante o ano 2012. Por primeira vez o municipio contará cun orzamento que entrará en funcionamento o día 1 de xaneiro. Así mesmo, durante a sesión celebrada onte aprobáronse tamén dúas importantes iniciativas do Goberno local, o novo Regulamento orgánico e de funcionamento do Concello e a Ordenanza municipal reguladora da administración electrónica.

O orzamento aprobado onte supera os 26 millóns de euros e redúcese un 6,56 por cento en relación ao último orzamento aprobado correspondente ao ano 2010 debido ao actual contexto socioeconómico. Trátase dun documento realista, equilibrado e que cumpre os criterios de estabilidade orzamentaria, segundo indicou durante a sesión a concelleira de Economía e Facenda, María José Varela.

O capítulo de investimentos ascende a 4,7 millos de euros. Entre as propostas incluídas polo grupo de Goberno de Alternativa dos Veciños destacan dúas importantes obras condicionadas pola obtención de financiamento europeo a través dos fondos Feder e Agader aos que opta o Concello e que suporán un investimento de 910.000 euros, segundo sinalou o propio alcalde. Trátase da creación de 20 locais destinados a albergar despachos profesionais e dinamizar a economía municipal no novo viveiro de empresas e a creación dunha senda peonil que una Iñás co Seixal.

Ademais o Goberno local destinará 856.000 euros ao desenvolvemento de novas urbanizacións e 600.000 euros á execución dos novos campos de fútbol de Mera e Dorneda. En relación ao mantemento de servizos, destínanse 330.000 euros á reposición de roturas na rede de saneamento e 220.000 euros á aplicación de medidas ditaminadas pola auditoría enerxética que permitirán un importante aforro do gasto enerxético e 150.000 euros á mellora integral da seguridade viaria en distintos puntos do municipio.

Por último, en materia tecnolóxica destacan os 221.000 euros, o investimento que o Goberno local destina á implantación da última fase da administración electrónica no Concello, o que posibilitará que os veciños e as veciñas poidan realizar numerosos trámites municipais sen necesidade de desprazarse á Casa do Concello.

Froito deste proxecto de implantación da administración electrónica cuxa última fase concluirá o próximo ano xorde a ordenanza municipal reguladora da administración electrónica que se aprobou onte cos votos favorables de Alternativa dos Veciños e do BNG e a abstención de PP e PSOE, quen porén sinalaron a súa disposición de votar a favor da iniciativa unha vez concluído o período de alegacións.

Ademais do orzamento e da Ordenanza reguladora da administración electrónica, durante a sesión aprobouse definitivamente o Estudio de detalle do polígono POL-15, en Perillo.

 

back link