A Aula do Mar é a porta de entrada ao Monumento Natural da Costa de Dexo e Serantes, e consta dunha serie de salas nas que se explica a vida mariña e as senlleiras características naturais e xeográficas desta interesante zona do Arco Ártabro desde a que se divisan as bocas das rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol, a illa da Marola e o treito de costa entre Sisargas e Prior. A aula ocupa o privilexiado edificio da casa do fareiro, construído sobre os cantís entre os dous faros que permiten acceder ao porto da Coruña marcando camiños de luz para os grandes barcos. A súa azotea é un dos miradoiros máis apreciados de todo o Arco Ártabro, xa que se sitúa na súa parte central.