Oleiros, 30 de agosto de 2013-. Este domingo, día 1 de setembro, ás 18.30 horas, Peter Punk actuará na pista polideportiva da II República de Perillo, integrado nas Festas de Santa María da Cabeza.
Esta actuación está promovida pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Este espectáculo de rúa está pensado para ampliar a oferta de ocio en lingua galega dirixida á mocidade durante as festas do verán do concello. Peter Punk é un novo circo que combina as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas.
Peter Punk é un dos pallasos e humoristas máis destacados e programados en Galicia nestes últimos anos. Ademais de ser gañador do Festiclown 2008, xirou por países como Brasil, Arxentina, Italia, Palestina, Portugal...; participou nas máis importantes citas de pallasos de todo o Estado (Euskadi, Madrid, Cataluña, Baleares, Andalucía, Canarias...) ademais de en centos de programacións e festivais galegos, sempre á procura da risa.