Hemeroteca

Asset Publisher

Back Acto de homenaxe a Rafael Astor Casalderrey o venres no parque de Nirvana

Este venres 18 de xullo, ás 12:30h, celebrarase no parque Nirvana -xunto á glorieta do Che Guevara- o acto de homenaxe a Rafael Astor Casalderrey, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e fillo adoptivo de Oleiros, falecido en 2022. Durante o acto descubrirase unha placa co seu nome, que pasará a denominar este espazo público, en recoñecemento á súa extraordinaria contribución profesional e humana ao concello.

Rafael Astor desenvolveu a maior parte da súa carreira como enxeñeiro municipal en Oleiros, onde deixou unha profunda pegada co deseño de redes de abastecemento e saneamento, novos viais, parques, prazas, paseos...sempre respectando a contorna natural e o patrimonio histórico do municipio. A súa dedicación, competencia e sensibilidade convertérono nun referente tanto no ámbito profesional coma no humano. Foi por este mesmo motivo que, xa no 2020, o Concello de Oleiros considerou que Rafael Astor era digno merecedor do título de fillo adoptivo.  

O acto, organizado polo Concello de Oleiros xunto ao Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, comezará ás 12:30h coa presentación a cargo de Enrique Urcola Fernández-Miranda, decano da Demarcación de Galicia do Colexio de Enxeñeiros. Seguirá un recordo de Rafael Astor por parte de Francisco Cobas Vázquez, arquitecto técnico, e Carlos Nárdiz Ortiz, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, pechará institucionalmente o acto, que concluirá ás 13:15h co descubrimento da placa en homenaxe a Rafael Astor Casalderrey. 
 

back link