Hemeroteca

Asset Publisher

Back Abre o prazo para emendar as solicitudes de apoio á escolarización para o vindeiro curso

Oleiros, 06 de xullo de 2016-. As listaxes provisionais das prestacións de apoio á escolarización para o curso 2016/2017 do Concello de Oleiros están expostas no taboleiro de edictos do Concello e no Departamento de Servizos Sociais. Poden consultarse en persoa ou telefonicamente a través do teléfono de atención ao veciño 981 610 000. O prazo para emendar a documentación que puidese faltar nalgunhas solicitudes remata o luns 18 de xullo e resulta imprescindible para a súa valoración.

Na convocatoria deste ano presentáronse un total de 125 solicitudes para 200 menores, 102 nenas e 98 nenos. Unha vez presentada a documentación requirida e tras o seu estudo por parte do equipo técnico, ditarase a resolución e faranse os trámites necesarios para que as familias poidan dispoñer deses cartos xusto antes de iniciarse o curso escolar.

Estas axudas son unha das diversas medidas pola inclusión social desenvoltas pola Concellería de Servizos Sociais de Oleiros e os seus importes varían en función da etapa escolar na que se atopa cada menor. Desta forma van, desde os 65 euros para os menores escolarizados no segundo ciclo de ensino infantil aos 95 euros do bacharelato ou ciclo formativo equivalente, contemplando 75 euros para primaria e 85 euros para secundaria.

Este ano, co obxectivo de poder chegar a máis familias, tomáronse dúas medidas: incrementouse o orzamento un 20%, chegando aos 15.000 euros, e subiuse o límite de ingresos que permiten acceder a estas axudas, o que permitirá a máis familias en situación de vulnerabilidade acceder a estas axudas.

O obxectivo destas prestacións, de pago único e con carácter finalista, é axudar ás familias nunha peor situación económica, a cubrir os gastos extraordinarios que supón o inicio do curso escolar (material escolar, mochilas, dicionarios, libros…) Estas prestacións son compatibles coas axudas que poidan conceder outras administracións, xa que normalmente están dirixidas só a libros e son insuficientes para cubrir todas as necesidades que se orixinan nunha familia con menores en idade escolar.
 

back link