Hemeroteca

Asset Publisher

Back Aberto o prazo para votar no concurso Imaxes con Fondo

  Oleiros, 21 de novembro de 2014-. Un total de 78 fotografías concorren ao concurso Imaxes con Fondo que o Concello de Oleiros organiza a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Esta segunda edición supuxo un incremento das propostas presentadas e do nivel de calidade das mesmas respecto a convocatoria do pasado ano. Os internautas poderán votar ata o próximo 1 de decembro as súas instantáneas preferidas na páxina do Fondo Galego en Facebook e un xurado experto seleccionará logo as obras gañadoras entre as quince máis votadas de cada categoría.

Para votar as imaxes será preciso darlle anteriormente a "gústame" no perfil do Fondo Galego e achegar os datos requiridos pola aplicación, co obxectivo de evitar a participación fraudulenta. Para garantir a neutralidade, manterase o anonimato das autoras e autores. No entanto, poderán pedir votos para as obras sen indicar explicitamente a autoría e tamén outras persoas poderán compartir a ligazón das votacións. 
Os fotógrafos Rober Amado e Marcos Míguez,  a presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, Gemma Filgueira, e mais dúas persoas da Comisión Executiva do Fondo Galego integran o xurado que se reunirá o 3 de decembro en Santiago de Compostela para escoller as imaxes gañadoras entre as máis votadas. A entrega de premios terá lugar o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, no marco das Xornadas de Cooperación 'Alén2015: Os Obxectivos do Milenio, fin e principios', que se celebrarán en Vigo na Casa Galega da Cultura.
Na categoría adulta, o primeiro premio será unha viaxe a Nicaragua co fin de realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos apoiados pola entidade organizadora no país centroamericano, mentres que a sección xuvenil está dotada cunha cámara réflex. En ambos os dous casos, o segundo posto recoñecerase cunha cesta de produtos de comercio xusto e o terceiro cun lote de películas de temática social. Toda a actualidade do certame pódese seguir en Twitter a través do hashtag #ImaxesConFondo.
 
back link