Os visitantes que participen na festa poderán degustar, de balde, pan, queixo e mel que ofrecerán os distintos expositores deste doce produto, máis de vinte chegados de toda Galicia
Oleiros, 5 de novembro de 2010.- Este domingo celébrase a XXI edición da Feira do Mel que organiza o Concello de Oleiros. A feira situarase na rúa, xusto diante do mercado municipal de Perillo, como nos anos pasados. Os visitantes que participen na festa poderán degustar, de balde, pan, queixo e mel que ofrecerán os distintos expositores deste doce produto, máis de vinte chegados de toda Galicia.
Ao longo do día haberá distintas actuacións musicais. Pola mañá, contaremos coa presenza de grupos de baile e gaitas, Semente Nova de Perillo e Santaia de Santa Cruz, xunto coa Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros. Este ano como novidade do horario matinal tamén haberá un espectáculo de baile flamenco.
Durante a tarde a organización ofrecerá un magosto e unha queimada popular amenizada por unha orquestra. Contarase coa presenza de artesáns que amosarán os seus oficios tradicionais e con animacións infantís para que os máis pequenos se divirtan e fagan actividades entretidas. Haberá unha polbeira para gozar tamén deste produto. O Concello propón unha feira totalmente consolidada con máis expositores cada ano, nun ambiente festivo e familiar, que ano tras ano consegue un gran éxito de asistencia.