Hemeroteca

Asset Publisher

Back A xustiza dálle a razón ao Goberno municipal na expropiación da gasolineira de Santa Cruz

Oleiros, 04 de marzo de 2016-. O Xulgado contencioso-administrativo número 4 da Coruña ditou o pasado mércores un auto no que se denega a medida cautelar solicitada por Distribuciones Taula S.L. de suspensión do acordo municipal que aprobaba definitivamente a expropiación forzosa da gasolineira de Santa Cruz e a ocupación dos terreos. A xustiza considera que debe prevalecer o interese xeral de implantación do sistema xeral viario previsto no PXOM de 2009 e nos plans anteriores sobre o interese privado simplemente económico e indemnizable no seu caso.

O Concello de Oleiros agardará quince días para facer efectiva a ocupación. Durante ese prazo de tempo existe posibilidade de interpoñer recurso de apelación.

Ademais desta resolución, o Xulgado contencioso-administrativo número 4 da Coruña ditou outro auto máis, este definitivo, no que se lle comunicou á Fiscalía que a actuación do Goberno municipal se axustou á legalidade e que non houbo desobediencia ao acatar de  inmediato o auto que  requería o desprecintado  dos surtidores da gasolineira e a desocupación das instalacións e dos terreos. A xuíza considera que non existe ningún tipo de delito de desobediencia nin de prevaricación por parte do Goberno local neste asunto e aclara no auto que “non chegaron a transcorrer nin sesenta minutos entre que o Concello recibiu a providencia e dispuxo o preciso para o seu cumprimento”, en referencia ao seu acatamento inmediato.
 

back link