Hemeroteca

Asset Publisher

Back A Xunta desatende o Concello e chegaría a autorizar prácticas militares no Monumento Natural

A Xunta pretende permitir prácticas militares no Monumento Natural da Costa de Serantes e Dexo entre os meses de agosto e febreiro, porque considera que só afectarían á conservación dos hábitats naturais durante eses meses. O Concello solicitara que se prohibisen durante todo o ano, xa que hai moitas outras zonas costeiras nas que poden realizarse. O dato forma parte da resposta autonómica ás 38 alegacións municipais ao Plan de xestión do Monumento Natural, das que se aceptaron 18, rexeitaron 14, mentres foron 6 as aceptadas parcialmente.

O Concello pretendía blindar o monumento natural ás prácticas bélicas porque ademais “depreciaban o valor recreativo e paisaxístico e podían condicionar a viabilidade da investigación científica, polo que non debían ter cabida nesta zona protexida”. A Xunta non ofrece razón ningunha para a posible autorización destas prácticas fóra do período en que as aves estean reproducíndose, entre marzo e xullo. A incompatibilidade deste tipo de exercicios co uso libre do espazo por parte das persoas non lles preocupa.

A instancia do Concello, a Xunta acepta prohibir calquera tipo de competición deportiva no Monumento Natural. En cambio, autorizan a escalada en Monte Meán, xa que segundo indican realízase desde hai anos e non detectan perigo para os principais elementos naturais do Monumento.

Aínda que o Concello propuña regular a práctica do marisqueo protexendo a mexilla, mexillón e percebe, denegárono, dicindo que sería unha actividade “autorizable”. Tamén se negaron a regular a protección paisaxística en relación ao impacto visual do eucalipto e das talas de matarrasa, xa que din que se elaborará un Plan de acción da paisaxe do Monumento Natural. Non obstante, si aceptaron a alegación do Concello para promover a plantación de árbores autóctonas en detrimento do eucalipto. Ademais aceptan a proposta municipal de incrementar as partidas económicas para loitar contra as invasoras.

Aínda que o documento se denomine “Plan de xestión do Monumento Natural”, a Xunta tampouco atende á proposta do Concello de poñer en valor os castros e baterías, así como eliminar construcións abandonadas sen valor patrimonial. Só lles preocupan o que chaman “valores naturais”, desprezando as accións que poderían realizarse para restaurar estes edificios ou eliminar os restos doutros.

Tamén denegan que o monumento poida incluír oficialmente a palabra “Serantes”, algo que solicitara o Concello e ao que a Xunta se negou, facéndose insensible ás voces que piden a coexistencia dos dous topónimos parroquiais. 

Tampouco ven necesario incluír as grúas de alzada das embarcacións do porto de Dexo entre os elementos patrimoniais etnográficos, algo que tampouco se entende, xa que forman parte da riqueza deste histórico enclave produtivo e laboral da veciñanza de Dexo.

O que si aceptou a Xunta, entre outras cousas, foi a nova delimitación do monumento, restrinxir de xeito más severo o acceso ás furnas, que só se aceptará con fins científicos ou a inclusión da ruta de sendeirismo recentemente recoñecida como “Sendeiro Azul Seixo Branco - Furnas”.

back link