O Goberno autonómico alude á «falta de dotación orzamentaria» para xustificar a denegación da axuda
Oleiros, 15 de novembro de 2010-. A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia denegou unha solicitude de financiamento solicitado polo Concello de Oleiros para a limpeza e roza de camiños e accesos no Parque Natural de Dexo-Serantes. Esta axuda solicitada polo Goberno local pretendía sufragar parte dos gastos derivados dos traballos de limpeza no parque que se estende desde o faro de Mera ata o porto de Lorbé e que está incluído no Plan Natura 2000 como parque de interese europeo. O Goberno autonómico alude na súa notificación á «falta de dotación orzamentaria» para xustificar a denegación da axuda.
A preservación deste tipo de zonas de especial protección conta cunha liña de financiamento incluído no Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) que subvencionaría un 56,57% do total do importe.
O Concello de Oleiros denuncia a falta de interese neste espazo natural por parte do Goberno da comunidade autónoma, xa que a conservación, a roza e a limpeza dos seus sendeiros é unha parte fundamental da loita preventiva contra os incendios, que é o que pretendía levar a cabo o Goberno local coa solicitude desta axuda.
Esta é unha demostración máis da actitude que o Goberno da Xunta mantén cara ao Concello de Oleiros coas súas continuas denegacións de axudas e inclusión en programas.