Despois das reiteradas denunciadas por parte do Concello alertando da inexistencia de axudas reais e efectivas por parte da Xunta para facilitar a adquisición de vivendas protexidas mediante cooperativas, no día de onte convocáronse unhas subvencións que si poderán recibir as cooperativas de vivendas promovidas polo Concello. En concreto serán de 10.000 euros por vivenda, de forma que as 3 cooperativas do Concello recibirán no seu conxunto máis dun millón de euros que servirán para minorar os importes dos pisos das persoas cooperativistas.
“A Xunta sacara diferentes subvencións, que nós criticabamos porque realmente non chegaban a aquelas persoas que querían alugar ou mercar porque se daban canda a vivenda xa estivera feita. Pois onte houbo unha boa noticia porque publicaron unha subvención pola que se concederán 10.000 euros por cada piso que se vai construír nas cooperativas”, comentou o alcalde.
O Concello promoveu a constitución de 3 cooperativas de vivendas en Perillo, Xaz e Mera, mediante a venda de solo de propiedade municipal a prezos inferiores ao mercado.