A exposición HeART of Gaza. Memorias dun neno palestino está formada por distintos debuxos realizados por nenos e nenas gazatíes nos que expresan a súa percepción do xenocidio que están a sufrir, incluíndo por desgraza tamén pinturas dalgúns nenos asasinados polo exército de Israel.
HeART of Gaza, fundado por Mohammed Timraz (Gaza) e Féile Butler (Irlanda), comezou como un intercambio de arte infantil a través de WhatsApp. Ambos comprenderon rapidamente que esta visión íntima da experiencia infantil do xenocidio debía compartirse co mundo. A exposición foi levada por innumerables espazos; de Chicago até Roma, de Londres a Berlín... para dar a coñecer a visión das crianzas sobre as atrocidades que se están a cometer contra o pobo palestino.
A primeira exposición tivo lugar en Irlanda en xullo de 2024, mostrando 55 obras de 12 artistas vivos (nenos de 3 a 17 anos) e 2 nenos asasinados (de 9 e 13 anos). O número de crianzas involucradas no proxecto tamén sigue crecendo, gracias á construción de "The Artists’ Tent" en Deir al Balah, un espazo dedicado a obradoiros de arte.
O principio fundamental de HeART of gaza é reverter a deshumanización: o xenocidio é resultado de una deshumanización absoluta. Un grupo reduce ao outro a un estatus subhumano, mais tamén perde toda conexión coa súa propia humanidade para poder executar actos tan depravados e cheos de crueldade.
A exposición é unha plataforma para que os máis vulnerables, os máis silenciados e os máis afectados por esta violencia compartan co mundo a realidade de vivir un xenocidio.: crianzas que de forma individual presentan a súa propia experiencia. Cada obra de arte está acompañada dunha "declaración", que inclúe o nome, a idade e unha foto do artista, así como a súa propia descrición do seu propio traballo.