Oleiros, 9 de xullo de 2012-. A solución para os 13 núcleos deixados á marxe do planeamento polo anterior Goberno da Xunta tras a aprobación do PXOM en 2009 «vai por bo camiño», segundo sinalou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. O rexedor realiza estas afirmacións tras valorar positivamente o encontro mantido o pasado xoves coas persoas responsables de Urbanismo da Xunta de Galicia. Segundo explicou o mandatario local, a reunión levouse a cabo nun ton agradable e ambas Administracións acharon numerosos puntos de encontro. «Gran parte das demandas en relación a estes solos serán estimadas pola Xunta de Galicia ao considerar que se ateñen a dereito», manifestou o rexedor.
Así mesmo, García Seoane indicou que durante a reunión falouse da zona afectada pola pegada sonora e que ambos organismos coinciden en sinalar que Aviación Civil e AENA deben concluír este asunto e recoller por escrito a redución da pegada real e contemplada no Estudio de impacto ambiental do Plan director do aeroporto de Alvedro.