Oleiros, 27 de setiembre de 2011-. O Concello de Oleiros informa de que os traballos de remodelación da praza da Cultura, situada no núcleo vello de Perillo, están a punto de concluír. Os traballos, que melloran esteticamente o contorno e a calidade de vida dos veciños da zona, atópanse moi avanzados e tan só queda rematar a instalación do motor hidráulico da illa subterránea de contedores de lixo e uns remates, tarefas que se levarán a cabo esta mesma semana.
Os traballos consistiron principalmente na urbanización da zona co obxectivo de mellorar un contorno que se atopaba degradado polo uso, ao mesmo tempo que se homoxeneiza coas urbanizacións realizadas no contorno. Esta actuación incluíu a renovación total do pavimento e a substitución da zona asfaltada por lastro. Ademais reparouse o mobiliario urbano situado na praza e renovouse a rede de saneamento.
Así mesmo estes traballos, que supuxeron un investimento total de 85.000 euros, dotaron a zona dun sistema de recollida de augas pluviais, o soterramento de cable aéreo, o soterramento dos contedores para a recollida de residuos urbanos e a restitución da zona verde. Pola súa parte, en canto á mellora da seguridade, colocáronse postes para diferenciar itinerarios de tráfico rodado e tráfico peonil.