Hemeroteca

Asset Publisher

Back A Rede Municipal de Bibliotecas organiza un completo programa de actividades para conmemorar o

Oleiros, 6 de marzo de 2014-.  O Concello de Oleiros, a través da Rede Municipal de Bibliotecas, organiza un completo programa de actividades para conmemorar o Día da Muller en todas as bibliotecas públicas do municipio. Deste xeito, o próximo xoves, 13 de marzo ás 19.00 horas na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, terá lugar a presentación do libro La maternidad acompañada: una reflexión sobre la función de las doulas en el cuidado de las madres a cargo de Nuria Otero e Susana Prieto. Xunto coa presentación do libro, falarase sobre o que son as doulas, unha figura incipiente no acompañamento á maternidade, cal é o seu papel, analizando e reflexionando sobre a súa realidade actual e as posibilidades de futuro.

Por outra banda,  o mércores 19 de marzo ás 18:30 horas haberá unha sesión de contacontos dirixida a nenas e nenos a partir de 3 anos, baixo o título “Contado en feminino: contos sobre a igualdade” por Ana Hermida, da Asociación Cultural Lisístrata. O acto será na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro en Santa Cruz.

Así mesmo, organizase para xoves 20 de marzo, ás 20.00 horas, no Teatro As Torres de Santa Cruz  o Concerto Na lingua que eu falo,  dedicado á figura de Rosalía de Castro, a cargo de Najla Shami, cantante galego-palestina. Najla Shami  é unha cantora e compositora nacida en Compostela, filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina, medrou entre Galicia e Kuwait. Estudou música moderna e educación musical afondando na técnica vocal e na súa pedagoxía, actividade que a levará a países coma Noruega, Estados Unidos, Xordania, Kuwait, India, Inglaterra, Portugal e España.

Mes do Movemento para ler libros escritos por mulleres

Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, en Santa Cruz, celebramos durante todo marzo o Mes do Movemento para ler libros escritos por mulleres. Nesta biblioteca hai unha sección especial de libros escritos por mulleres, pero durante todo este mes tamén se poderá atopar unha especial mostra bibliográfica con recomendacións de libros escritos por mulleres. A partir do 8 de marzo, dedicaremos un espazo do blog das bibliotecas municipais http://bibliotecasoleiros.blogspot.com.es/ para falar da biografía e outras referencias de diferentes escritoras,  así como das obras escritas por mulleres que se irán recomendando.

Por último, na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, na Biblioteca Municipal Manuel María de Oleiros e na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz levaranse a cabo durante todo o mes de marzo  sesións de contacontos  tituladas "Príncipas e Princesos", a cargo do actor Pablísimo, con divertidos relatos a favor da igualdade, espectáculos de narración oral interactivos con contos tradicionais e contemporáneos. Estas actividades están dirixidas ao alumnado de educación infantil e primaria dos centros de ensino público do Concello de Oleiros.
 

back link