Oleiros, 24 de novembro de 2016-. O Concello de Oleiros asignará o nome do concelleiro Alfredo Novoa Gil á rúa que une a avenida Salvador Allende coa rúa Alexandre Bóveda e que dá acceso ao colexio de Nós. Alfredo Novoa Gil formou parte do Goberno municipal entre os anos 1987 e 2007.
Alfredo Novoa é unha persoa que dedicou unha grande parte da súa vida á xestión e ao desenvolvemento do Concello de Oleiros. Foi unha parte destacada dos distintos gobernos municipais nos que participou. Tamén presidiu o Fondo Galego de Cooperación durante 15 anos, desenvolveu un importante traballo como sindicalista de Comisións Obreiras e actualmente é o vicepresidente de Alternativa dos Veciños.
O vindeiro sábado 10 de decembro, ás 12:00 horas, realizarase o acto oficial de nomeamento desta vía como rúa Concelleiro Alfredo Novoa. Esta rúa pertence precisamente á parroquia de Nós, na que reside este destacado político oleirense.