Hemeroteca

Asset Publisher

Back A programación de teatro e danza do outono reunirá a grandes nomes das artes escénicas

Imagen A programación de teatro e danza do outono reunirá a grandes nomes das artes escénicas

Cinco espectáculos pasarán entre outubro e novembro polo Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, con propostas de comedia, danza contemporánea e teatro que tratan desde Castelao e a memoria histórica ata a crise climática e a identidade. A programación aposta pola presenza de compañías e artistas de referencia das artes escénicas galegas e por obras que combinan entretemento, creación contemporánea e reflexión sobre cuestións sociais, culturais e históricas.

O primeiro espectáculo será o sábado 3 de outubro, ás 20:30 horas, con Mofa & Befa e Os dous de sempre, unha comedia dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto. A proposta recupera os personaxes de Pedriño e Rañolas, inspirados no universo de Castelao, para construír un espectáculo no que o humor, o absurdo e a tradición dos pallasos populares se mesturan coa realidade galega.

Posteriormente haberá danza contemporánea con NGOMA, de La Guajira;  
Xoguetes rotos, de Barrosanta en coprodución con Butacazero; Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro; e Ictus (a derradeira leición de anatomía do Dr. Castelao), de Chévere en coprodución co Centro Dramático Nacional. 

A programación ofrece así cinco propostas moi diferentes, pero cun denominador común: a aposta por unhas artes escénicas de calidade, próximas á cidadanía e capaces de entreter ao mesmo tempo que convidan á reflexión e a uns prezos asumibles. As entradas para os espectáculos poden adquirirse a través da plataforma electrónica Giglon e no despacho de billetes dos auditorios municipais –só con tarxeta bancaria- desde unha hora antes do comezo de cada función.

A programación do Concello de Oleiros está integrada na Rede Cultural da Deputación da Coruña e na programación de AGADIC.