Oleiros, 01 de febreiro de 2016-. A praia de Santa Cruz non presenta ningún problema de contaminación. Unicamente, os días con precipitacións moi abundantes, colápsase o bombeo de fecais debido a que a Xunta segue sen construír o tanque de tormentas co que se lle poñería fin a este problema. En calquera caso, estes episodios son puntuais e non se dan no verán, debido ao escaso volume de precipitacións que se acumula nesa época do ano.
O presidente da Xunta de Galicia comprometeuse, na reunión mantida co alcalde de Oleiros hai dúas semanas, a contratar esta obra de xeito inmediato. O organismo autonómico xa dispón desde hai anos do 80% do financiamento necesario para realizar o proxecto, procedente de fondos europeos. Agora o organismo autonómico debe achegar o 20% restante para realizar a contratación.
As obras proxectadas teñen como finalidade evitar que as chuvias colapsen o bombeo que recolle as fecais de Liáns, Dorneda, Maianca, Serantes e parte de Dexo, para posteriormente reenvialas á depuradora de Bens. De xeito puntual, e debido á non realización desta obra de protección medioambiental, o bombeo actual sufre desbordamentos e contamina puntualmente a baía de Santa Cruz.