Hemeroteca

Asset Publisher

Back A Policía Local rescata un bañista en Santa Cristina

26 de Xullo de 2010

Oleiros, 26 de xullo de 2010-. Esta mañá a Policía local de Oleiros rescatou un bañista que corría serio risco de afogamento na praia de Santa Cristina. Sobre as 10.00 horas unha unidade da Policía local que patrullaba a zona escoitou berros de auxilio que proviñan da zona da praia. Alí, varios viandantes alertaban do claro risco de afogamento que sufría un bañista ao que arrastraba a corrente uns 15 metros fóra da zona delimitada para o baño e fóra do horario do servizo de socorrismo e salvamento que comeza ás 11.00 horas.

Inmediatamente un dos axentes introduciuse na auga e acudiu en rescate do nadador, un home de 77 anos, veciño de Palavea e de iniciais A.V.R.. Ao chegar á praia arrastrado polo axente, o rescatado foi atendido por unha unidade móbil do 061, pero non necesitou ser trasladado a un centro médico. Segundo fontes da Policía local asegurou que foi incapaz de vencer a corrente que de forma inexorable o arrastraba. A rápida e decidida intervención do policía puido salvarlle a vida.

© Concello de Oleiros 2010

back link