Oleiros, 24 de febreiro de 2014-. A Policía local de Oleiros, en colaboración con efectivos da Garda Civil, frustrou un roubo de cable de cobre na urbanización As Galeras durante a madruga do pasado domingo. A operación saldouse cun detido e coa recuperación da totalidade do cobre subtraído da rede de iluminación pública de dúas rúas desta urbanización. Porén, os danos ocasionados na rede de iluminación poderían superar de todos modos os 10.000 euros.
A intervención do alcalde, Ángel García Seoane, resultou crucial neste dispositivo, xa que foi o rexedor quen alertou a policía tras comprobar que a súa rúa se atopaba sen luz. O mandatario local, veciño das Galeras, dispoñíase a deitarse pouco antes das tres da madrugada cando observou pola súa ventá a falta de iluminación pública e sorprendido pola falta total de iluminación sospeitou dun posible roubo, como el mesmo sinalou esta mañá.
Axentes da Policía así como da Garda Civil desprazáronse velozmente á zona onde sorprenderon a dous individuos perpetrando o roubo. A rápida intervención permitiu a detención dun deles, mentres que o outro logrou escapar na motocicleta que estaban utilizando para arrancar o cobre da canalización subterránea. O detido confesou aos axentes o lugar onde estaba sendo acumulado o roubo xa subtraído para posteriormente ser trasladado. O que permitiu a recuperación de todo o material.
Colaboración cidadá
A colaboración cidadá é clave na loita contra este tipo de delitos. En moitas ocasións lévanse a cabo en zonas pouco habitadas o que dificulta a súa detección, pero neste caso levouse a cabo nunha zona con bastantes veciños. Neste sentido o rexedor mostrouse sorprendido de que ningún veciño chamase xa que as manobras realizadas para roubar o cobre, como a rotura de arquetas ou o arrastre a través de vehículos motorizados son operacións ruidosas.