Oleiros, 2 de decembro de 2011-. A Policía local de Oleiros está levando a cabo un dispositivo especial contra pintadas que permitiu, de momento, a identificación e denuncia dun menor residente en Oleiros. O problema de vandalismo que supón estas pintadas rueiras levou ao Goberno municipal a encargar ao corpo de seguridade local un complexo dispositivo contra este tipo de actos.
A operación, que comezou a executarse fai dez meses e que continúa activa, deu como resultado a identificación nas últimas semanas dun mozo veciño da zona sur do municipio ao que a policía atribúe, só no termo municipal, principalmente zona centro e sur, un total de 94 pintadas, tanto en bens públicos como privados, entre as que se atopan as aparecidas na fachada da igrexa de San Pedro de Nós o pasado verán.
A concelleira de Interior e Seguridade cidadá, María José Varela, destacou a singularidade e complexidade deste traballo que esta levando a cargo un departamento policial habilitado de forma particular para este fin. «O modo no que se está levando a cabo esta operación é completamente diferente á forma habitual de proceder, xa que non se trata de limitarse a pillar infraganti ao responsable. A identificación e localización prodúcese a partir das pintadas e das súas particularidades. É dicir, primeiro identificáronse a firma e ao autor, posteriormente foi localizado e seguido e, finalmente, intervéuselle mentres realizaba a pintada. Ademais realizouse unha comparativa grafológica entre as pintadas atribuídas ao suxeito de forma dubitativa coas pintadas realizadas de forma indubidativa por este, para elaborar un completo atestado que se remitiu á Fiscalía de menores», explicou Varela.
A fase final da operación púxose en marcha por mor dunha serie de denuncias de particulares por danos sufridos nas súas propiedades na noite do 15 ao 16 de agosto deste ano, nas que se puido comprobar que todas as denuncias tiñan como vínculo común que todos os danos foran causados por pintadas realizadas con pintura en spray que contiñan a palabra «ASWE». Por mor destas denuncias os axentes comezaron un seguimento especial ao menor ao que se lle atribúe esta firma ata que finalmente foi intervido, grazas á denuncia dos axentes oleirenses, mentres pintaba noutro concello da área metropolitana.
Sancións administrativas
María José Varela sinalou esta mañá que o Goberno local aplicará a normativa de forma estrita neste tipo de actos e sancionará aos responsables. As sancións estipuladas van desde os 501 aos 3.000 euros en función da gravidade da acción. Ademais, os afectados polos danos poderán reclamarlle ao suxeito, ou no caso de que sexa menor aos seus titores, unha compensación económica polos danos. No caso do suposto autor das pintadas coa o firma «ASWE», dita compensación podería superar os 50.000 euros a falta e confirmar o valor total dos danos.