Oleiros, 25 de maio de 2011-. O Concello de Oleiros informa de que se inicia un novo proceso de inscrición na piscina municipal de Oleiros motivado polo remate do actual contrato de xestión coa empresa Sidecu. A partir do vindeiro 23 de xuño a empresa Aqualia será a nova concesionaria do servizo. Por este motivo é necesario iniciar o novo proceso de inscrición que deberán completar todas as persoas usuarias así como aqueles veciños e veciñas que desexen converterse en novos abonados. O Concello de Oleiros e Aqualia poñen á disposición dos interesados toda a información precisa para manter a actual condición de abonado e completar correctamente o novo proceso de inscrición. Toda a información está dispoñible na páxina web municipal, na sección do Servizo Municipal de Deportes, onde se pode descargar a folla de inscrición e consultar os novos horarios de actividades e a novas tarifas de abono.
A entrada da nova empresa concesionaria suporá diversas melloras no servizo da piscina municipal de Oleiros. Entre estas melloras atópase a posibilidade de usar de forma simultánea o complexo deportivo de Dorneda e todos os seus servizos en función dos intereses ou horarios das persoas abonadas. O novo complexo deportivo de Dorneda é unha instalación de última xeración que conta con dúas piscinas, unha ampla sala de musculación e exercicio cardiovascular así como cinco salas para actividades programadas.