Oleiros, 28 de abril de 2012-. O Goberno local de Oleiros móstrase asombrado ao observar a «información» que o portavoz do grupo municipal do PSOE en Oleiros publica na súa páxina web respecto á tramitación que o Concello realiza contra a imposición da pegada sonora que hipoteca as persoas propietarias de máis de 2 millóns de metros cadrados do municpio, principalmente nas parroquias de Liáns e Dorneda.
A pegada sonora que estaba aprobada desde o ano 2001 polo Ministerio de Fomento para nada influíra nas propiedades dos veciños e veciñas ata a aprobación do terceiro Plan xeral en marzo de 2009. É entón cando Luis Vázquez, actual portavoz socialista e entón secretario xeral da Consellería de Ordenación do Territorio, solicitou á Dirección Xeral de Aviación Civil, tan só uns días antes de que rematara o prazo para a aprobación definitiva do PXOM, un informe no que se impón a citada pegada que hipotecou máis de 2 millóns de metros cadrados, dado que ata entón Aviación Civil non presentara ningún tipo de informe sobre a imposición das directrices de aplicación da pegada sonora de 2009. É dicir, despois de 6 anos de tramitación do Plan, desde 2003 ata 2009, o exsecretario xeral da Consellería de Ordenación do Territorio impide con ese informe a aprobación definitiva deste na totalidade do territorio de Oleiros.
O grupo do Goberno local de Alternativa dos Veciños tivo que enfrontarse en solitario a esta situación de espolio por parte de AENA e Aviación Civil na súa reivindicación dos dereitos dos nosos cidadáns e na protección do uso das súas propiedades, xa que o PSOE como instigador, xunto cos seus cómplices do PP e do BNG, impediron no pleno da corporación que se presentara un contencioso administrativo contra estes organismos. Este impedimento obrigou a Alternativa dos Veciños a presentar o dito contencioso de forma particular para defender os intereses dos veciños e veciñas de Oleiros. Así mesmo, leváronse a cabo asembleas informativas para que cada veciño puidese presentar a súa demanda ante os tribunais dentro do prazo permitido tanto ante Aviación Civil como ante AENA.
Todas estas razóns, xunto coas reunións mantidas e escritos intercambiados entre o Concello e a Dirección Xeral de Aviación Civil e AENA, son as que levaron a ambos organismos a modificar a pegada, posto que de non ser así terían que enfrontarse a altísimos custos de indemnización.
Una vez máis o señor Vázquez, coa súa verborrea, intenta sacar tallada política. Se alguén fai populismo e engana os veciños e veciñas, se alguén atenta contra os intereses dos oleirenses, é este personaxe político ao que agora a falta o bufón que antes facía de bravucón nas súas sibilinas manobras.