Oleiros, 24 de novembro de 2016-. Ibuprofeno Teatro presenta o seu espectáculo Raclette o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez. Trátase dunha obra de teatro contemporánea escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.
A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela, a medida que comían, queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que conviven e se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza e a violencia.
Salvador del Río, Deborah Vukusic, Toni Salgado, Iria Sobrado e Marián Bañobre dan vida a esta historia. As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala.