Oleiros, 11 de abril de 2018-. A compañía Ibuprofeno Teatro presenta o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o seu espectáculo Casa O’Rei, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso. Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Víctor Mosqueira, Xosé M. Esperante forman o elenco desta obra de teatro contemporánea.
Casa O’Rei propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir de O Rei Lear de Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega. Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne á familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido
sáelle cargado de traizón e desprezo…
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala. Está recomendada para maiores de 12 anos.