Hemeroteca

Asset Publisher

Back A obra Alta costura pecha o ciclo de teatral de inverno este sábado no García Márquez

 Alta costura, de Elefante Elegante, chega ao auditorio Gabriel García Márquez este sábado 18 de abril ás 20:30 horas. 

ALTA COSTURA é unha creación de teatro visual. A estrutura escénica, as actrices, os actores, as bailarinas, os bailaríns e a música constitúen un organismo vivo en constante movemento e transformación que comunica a través dos sons, dos obxectos, das cores, das formas, dos movementos e das palabras.

Trátase dun espectáculo cómico, irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. Nel retrátase o percorrido da produción da roupa desde a orixe da materia prima empregada na fabricación dos tecidos ata a confección das pezas, a súa distribución e a perversidade dos mecanismos de reciclaxe.

O espectáculo dá especial relevancia aos mecanismos de venda, ao espazo sensorial da tenda e á relación contemporánea que o gran público mantén co acto de mercar e  tirar roupa. ALTA COSTURA detense detalladamente na “fast-fashion”: o momento da compra, a filosofía de mercado empregada polas principais marcas e pola rapidez con que os produtos se desvalorizan, caen en desuso e se transforman en residuos abundantes e altamente contaminantes.

O espectáculo está dirixido público adulto  (maiores de 14 anos) e o custe da entrada é de 4,00 euros. A compra anticipada das entradas pode realizarse a través da plataforma electrónica (giglon.com) e na billeteira do auditorio desde unha hora antes do comezo de cada espectáculo. O pagamento na billeteira só se poderá realizar a través de tarxeta bancaria.
 

back link